O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) publicou o informe Do Sector Infomediario á Economía do Dato. Caracterización do Sector Infomediario que analiza a evolución e posicionamento actual deste sector.
Nesta quinta edición identificáronse máis de 700 empresas infomediarias cun volume de negocio de 1.987M euros en 2018, o que supón un incremento desde a edición anterior. A principal actividade desenvolvida por estas empresas diríxese á análise e a visualización dos datos (65,5%) seguida pola agregación de fontes de datos e mellora da súa calidade (52,9%).
Neste estudo sinalan que as características dos datos que máis impactan á hora de xerar negocio son a súa actualización e completitud. Canto ás principais barreiras, destacan a falta de información e de homoxeneidade. De face ao futuro do sector, as empresas apuntan ao desenvolvemento de actividades de consultoría e a análise de datos onde serán cada vez máis relevantes a provisión de servizos desde a nube e a integración de novas tecnoloxías como o Big Data e a Intelixencia Artificial.
Adicionalmente, elaborouse o informe: “ As Administracións Públicas ante a reutilización da información pública ” onde se analiza especificamente como interactúa a Administración con este sector, tendo en conta que case un 50% das empresas do sector infomediario teñen á Administración como cliente. No mesmo reflíctese que as AAPP colaboran coas empresas infomediarias para mellorar a publicación de información e datos e para desenvolver sistemas internos baseados en datos. O informe tamén recolle os retos aos que se enfrontan as Administracións Públicas neste ámbito así como unha serie de recomendacións para potenciar a reutilización no ámbito público.