O Real Decreto 668/2015 , do 17 de xullo, modifica o Real Decreto 1671/2009 polo que se desenvolve parcialmente a Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos para introducir dúas modificacións. A primeira amplía o ámbito do rexistro electrónico de apoderamentos e, a segunda, introduce os certificados electrónicos de empregado público con pseudónimo para actuacións relativas á información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional.
En relación co rexistro electrónico de apoderamentos, amplíase o seu ámbito a calquera actuación administrativa, independentemente da canle polo que esta leve a cabo, de forma que o cidadán poida utilizalo en calquera actuación ante a Administración do Estado, non só electrónica senón tamén presencial.
Por outra banda, habilítase o uso do certificado electrónico de empregado público mediante un pseudónimo para actuacións que, realizadas por medios electrónicos, afecten á información clasificada, á seguridade pública ou á defensa nacional ou a outras actuacións, nas que estea legalmente xustificado o anonimato para a súa realización, por parte dos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o persoal das Forzas Armadas ou o persoal estatutario do Centro Nacional de Intelixencia. A reforma compatibiliza esta facultade de expedir certificado de empregado público mediante un pseudónimo coas obrigas de revelar a verdadeira identidade dos funcionarios e empregados públicos afectados o caso de ser requirida polos órganos xudiciais no exercicio das súas funcións ou a teor do previsto no artigo 11.2 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro.
Finalmente, establécese un prazo de doce meses desde a entrada en vigor para a adaptación dos sistemas tecnolóxicos existentes.