A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público , supoñen un forte impulso á dixitalización das Administracións públicas españolas e establecen varias obrigas ao redor da Administración electrónica que propician unha maior eficacia, innovación e modernización.
Digitalíza-t! é unha guía para facilitar o cumprimento por parte das Entidades locais das novas obrigas, a través das ferramentas tecnolóxicas que pon ao seu dispor a Dirección de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (DTIC).
Trátase dun documento que ten dúas finalidades. Por unha banda, explica as novidades en materia dixital das Leis 39 e 40 e a transformación que supoñen, tanto no procedemento administrativo como nas relacións interadministrativas e coa cidadanía a través da tecnoloxía. Doutra banda, Digitalíza-t! pon a disposición das Entidades locais un catálogo de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que lles permitirán cumprir de forma sinxela coas súas obrigas legais, ademais de garantir un servizo orientado ao cidadán e rexido polos principios de eficacia, eficiencia, transparencia e boa xestión pública.
A guía contempla o seguinte contido:
- As novas obrigas introducidas polas leis
- As ferramentas que a Administración Xeral do Estado (AGE) pon a disposición das Entidades locais para facer fronte a esas novas obrigas e como conseguilas.
- Outros aspectos a contemplar na organización para adaptarse ás novas obrigas.
- O marco temporal que a lei establece para levar a cabo a transformación dixital.