accesskey_mod_content

A Xunta de Galicia abre aos concellos o Portal de Interoperabilidade Pasaxe

  • Escoitar
  • Imprimir PDF
  • Compartir

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

11 xuño 2015

O portal de interoperabilidade evita que os cidadáns teñan que presentar os mesmos documentos na Administración autonómica e local. Nos primeiros 4 meses do ano xa se rexistraron preto de 130.000 consultas.

O presidente da Xunta, sinalou o pasado 4 de xuño na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego abriu aos concellos o Portal de Interoperabilidade Pasaxe! para evitar que os cidadáns teñan que presentar os mesmos documentos na administración autonómica e local. Este portal permite o intercambio de información entre as administracións, evitando ao cidadán achegar documentación que xa está en poder delas, ademais de unificar nun único punto as relacións con outras administracións.


Segundo engadiu o titular da Xunta, no primeiros catro meses do ano rexistráronse preto de 130.000 consultas, “é dicir, evitouse o pedimento de 130.000 documentos para 130.000 galegos ou galegas que teñen unha relación coa Administración da Xunta”, matizou.

Pasaxe! permite consultar 30 tipos de certificados, como o documento de identidade, o certificado de dependencia, da renda, datos catastrais, títulos universitarios, os certificados de nacemento, de matrimonio ou de defunción ou o alta na Seguridade Social, entre outros. Trátase de documentos proporcionados por 13 entidades distintas: ademais da propia Xunta, 11 organismos estatais (a través da Plataforma de Intermediación do estado ) e a Comunidade autónoma de Navarra, a través dun convenio bilateral.

Neste sentido, Feijóo sinalou que a colaboración “entre os distintos departamentos e as distintas administracións é a base desta plataforma, á que imos incorporar novas administracións e novos servizos”.

Incorporación das entidades locais e novos servizos

Deste xeito, a Xunta vai pór o portal a disposición das entidades locais de maneira inmediata e xa neste mes incorporaranse a Deputación da Coruña e os concellos de Abegondo e A Laracha. O obxectivo do Goberno galego é que progresivamente se vaian sumando o conxunto das distintas administracións locais.

Por outra banda,  está prevista a aprobación dunha Orde que fixe as directrices para o intercambio de datos, que potenciará a incorporación de novos servizos da Administración autonómica á plataforma.

En todo caso, xa a curto prazo incorporaranse novos servizos á plataforma, como os certificados de discapacidade; os de familia numerosa; os documentos acreditativos de estar ao corrente nas débedas coa Axencia Tributaria Galega; ou o certificado de parella de feito.

En resumo o presidente da Xunta sinalou: “seguimos impulsando un instrumento que é útil e que é beneficioso”. Nesta liña, destacou que é “útil para a Administración”, xa que o feito de que non se teñan que presentar constantemente os mesmos papeis axiliza os trámites e reduce moita burocracia; “é útil para os cidadáns”, que ven reducidas de forma moi notable cargas administrativas que eran innecesarias; e é “beneficioso para todos" , xa que o obxectivo é conseguir un millón de consultas” no ano 2016, o que posibilitará “un aforro de cargas para os cidadáns” e tamén un aforro para a Administración “de algo máis de cinco millóns de euros anuais”, especificou.

Fonte orixinal da noticia(Abre en nova xanela)

  • Interoperabilidade e Normalización
  • Cooperación interadministrativa