accesskey_mod_content

A Axenda Dixital mobilizou preto de 1.100 millóns de euros en catro anos na modernización tecnolóxica dos servizos públicos, a consolidación do sector TIC e a mellora da conectividade en Galicia

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

30 maio 2014

Un dos eixos de actuación da Axenda Dixital é a modernización tecnolóxica dos servizos públicos. O Plan de Modernización da Administración autonómica está a conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas do día os 365 días do ano. A sede electrónica da Xunta xa permite presentar telematicamente máis de 600 procedementos, case o 39% do total.

En 2013 35 oficinas de Rexistro estaban integradas no Rexistro Único da Xunta, que contabilizou máis de 840.000 entradas telemáticas, o 40,6% do total da documentación presentada na Administración autonómica ese ano.

O Nodo de Interoperabilidade, que permite a interconexión entre os sistemas das administracións locais, autonómica e estatal, rexistrou 322.000 consultas no ano 2013 e xunto co Plan Reduce, no que xa levan revisados 940 procedementos, están a permitir aforros á cidadanía tanto en tempo como en custos ao evitar presentar diante da Administración aquela información que xa obra nos seus sistemas.

No 2013 presentouse un catálogo con 10 aplicacións en mobilidade, así como a información georreferenciada de 6.300 centros de servizos da administración galega a través da aplicación eServizos do portal da Xunta. A finais do 2013 a Administración autonómica contaba con 201 canles nas redes sociais, case un 50% máis que o ano anterior, con 415.000 seguidores.

O TIC na Sanidade, na Educación e na Xustiza

Fai falta destacar os avances da aplicación das medidas da Axenda Dixital en ámbitos de gran repercusión para o cidadán como a educación, a xustiza e a sanidade e benestar. Así, grazas ao liderado no uso do TIC Galicia foi elixida rexión de referencia en envellecemento activo pola Asociación Europea de Innovación no envellecemento activo e saudable (EIP on AHA) e participa na cons­titución da agrupación KIC Gallaecia, para a candidatura conxunta de Galicia ao KIC (Knowledge and Innovation Communities) europeo de envelle­cemento activo e vida saudable.

Galicia é unha das comunidades autónomas líderes na implantación da Historia Clínica Electrónica, da ereceita, dos sistemas de imaxe dixital e da telemedicina. Preto do 98% das receitas son tramitadas de modo electrónico e o 100% dos centros de atención primaria poden acceder á telemedicina. Ademais o 10,5% das citas previas realizáronse por Internet, un sistema que no 2013 utilizou o 26,8% dos cidadáns.

No ámbito da xustiza, destaca a posta en marcha do portal eXustiza, para facilitar a relación da cidadanía coa administración xudicial, a implantación do sistema de videoconferencia no 100% das salas xudiciais e o inicio da instalación dos sistemas de gravación de vistas con firma dixital en 15 salas e a gravación de 6.000 vistas con este sistema.

No campo educativo, o Proxecto Abalar dixitalizou máis de 2.000 aulas e beneficia a preto de 45.000 alumnos. O EspazoAbalar, punto de encontro en Internet entre familias, profesores e centros, contaba a finais de 2013 con 2.000 recursos educativos dixitais dos que se realizaron 2,6 millóns de descargas. Ademais, púxose en marcha abalarMóbil, que facilita ás familias o seguimento da actividade educativa desde dispositivos móbiles.

Fonte orixinal da noticia(Abre en nova xanela)

 

  • Cidadán
  • Servizos electrónicos
  • Infraestruturas e servizos comúns