O Concello da Estrada estase preparando para ser un dos 5 concellos piloto da provincia en participar no proxecto Depo-Tic de administración electrónica, impulsado pola Deputación Provincial de Pontevedra con financiamento procedente de fondos europeos.
Con tal motivo, o alcalde e o tenente de alcalde, José López Campos e Alberto Branco, participaron o venres no organismo provincial nunha reunión técnica na que se acordou que o mércores arrinque na Estrada a dixitalización de todas as actas e documentos públicos do arquivo municipal por parte de persoal enviado pola Deputación.
Prevese que os traballos conclúan en 3 meses. Logo, toda esa documentación pública desde as orixes do concello no século XIX -incluíndo actas de plenos, límites territoriais e expedientes de deslindamentos, entre outros- estará na unidade Centro de Procesamento de Datos (CPD) da Deputación.