A Administración Electrónica española foi premiada pola ONU
A proposta presentada, á ONU, pola Dirección Xeral de Modernización Administrativa, Procedementos e Impulso da Administración Electrónica do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Reino de España, foi galardoada co segundo premio das Nacións Unidas ao Servizo Público na categoría de “Mellorando a prestación dos servizos públicos”, edición 2012.
O proxecto premiado foi o titulado “Acceso electrónico completo dos cidadáns aos servizos públicos na Administración do Estado”.
Con este recoñecemento prémiase o esforzo coordinado e colectivo de toda a Administración Xeral do Estado no desenvolvemento e cumprimento da lei 11/2007, ao facer efectivo o dereito dos cidadáns a relacionarse coa Administración por medios electrónicos.
Estes apreciados galardóns teñen por obxecto descubrir avances na gobernación; recompensar a excelencia no sector público; motivar aos empregados públicos para promover a innovación; mellorar a profesionalidade na administración pública, elevar a imaxe de servizo público, aumentar a confianza no goberno, e para recoller e difundir as prácticas que tiveron éxito para a súa posible aplicación.
Ademais deste premio, a ONU outorgou os seguintes premios a España:
Un 1º posto na categoría 3 : Goberno Vasco.
Un 1º posto en categoría 4 : Deputación de Barcelona.
Un 2º posto en categoría 5 : Concello de Bilbao.