A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) puxo en marcha na Sede electrónica un procedemento para que as Administracións Públicas e as entidades privadas obrigadas a designar un Delegado de Protección de Datos (DPD) poidan comunicar este nomeamento, tal e como se establece no novo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) que será aplicable o próximo o 25 de maio.
O DPD é unha figura obrigatoria para organizacións que traten datos persoais de forma intensiva ou datos sensibles a gran escala, así como para organismos públicos. O RGPD recolle que os responsables ou encargados do tratamento deben publicar os datos de contacto dos DPD e comunicar a súa designación á autoridade de control. Esta comunicación á Axencia por parte dos suxeitos obrigados debe producirse con anterioridade ao 25 de maio.
O novo procedemento para a comunicación do Delegado de Protección de Datos é un formulario en liña ao que se accede con certificado electrónico, en cumprimento do artigo 14 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Este sistema de notificación electrónica -que permite realizar a comunicación dos datos do Delegado de Protección de Datos (tanto se se trata dunha persoa física como dunha entidade pública ou privada actuando como Delegado) así como os datos de todas aquelas entidades para as que este fose designado- non se circunscribe unicamente ás Administracións Públicas e as entidades privadas obrigadas. As empresas que non estean obrigadas polas previsións do Regulamento a designar un DPD e que queiran implantar esta figura no as súas organizacións como apoio ao cumprimento poden utilizar este formulario co fin de comunicalo.