A ONU abriu o prazo de inscrición para optar aos Premios de Servizo Público das Nacións Unidas de 2018 (UNPSA). A UNPSA promove e recompensa a innovación e a excelencia nos servizos públicos en apoio da realización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ou Sustainable Development Goals - SDGs) e o principio de ‘non deixar a ninguén atrás’, que forman o núcleo da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable.
En 2018, os Premios están organizados en tres categorías:
- Chegar ás persoas con menos recursos económicos e vulnerables a través de servizos inclusivos e de asociacións
- Promoción de institucións máis inclusivas e asegurar a participación de colectivos desfavorecidos na toma de decisións
- Promover a igualdade de xénero nos servizos públicos para alcanzar os ODS.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores ( 2015 , 2016 , 2017 ), o Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Nacións Unidas está a colaborar especialmente coa ONU-MULLERES (UN-WOMEN) na organización dos Premios, destacando o importante papel dos servizos públicos concienciados cos problemas de igualdade no logro dos ODS.
Os premios entregaranse o 23 de xuño de 2018 durante o Foro de Servizo Público das Nacións Unidas que se celebrará en Marrakech, Marrocos. Elixiuse esta data porque o 23 de xuño é o Día do Servizo Público das Nacións Unidas, cuxo obxectivo é "celebrar o valor e a virtude do servizo público á comunidade".
O Premio está aberto a todas as institucións do sector público a nivel nacional, estatal e local de todos os estados membros da ONU que presenten as súas candidaturas cubrindo un formulario oficial dispoñible nos 6 idiomas oficiais da ONU antes do 7 de febreiro de 2018. No caso de asociacións innovadoras (incluída a sociedade civil, o sector privado e o sector académico), o candidato debe ser unha institución do sector público.
As candidaturas para o Premio deberán presentar iniciativas innovadoras que contribúan a mellorar a prestación de servizos públicos e que, ademais, inspiren iniciativas similares en todo o mundo.