A Biblioteca Nacional de España conta cuns fondos dixitais compostos por 184.000 títulos e 30 millóns de páxinas libremente accesibles a través de Internet. Co obxectivo de impulsar a súa reutilización para crear novos produtos e servizos, a directora da BNE, Ana Santos Aramburo, e o director xeral de Rede.es, José Manuel Leceta, presentaron hoxe BNElab, un novo espazo virtual.
Este proxecto é froito dun convenio asinado en 2016 entre ambas as institucións e supón un impulso ao indubidable valor cultural dos fondos da BNE. As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) transformaron por completo o acceso aos contidos das institucións e, ao mesmo tempo, abren vías alternativas para a súa reutilización. Esta realidade tradúcese no nacemento de novas empresas que pon en marcha modelos de negocio baseados na creación de ferramentas e aplicacións de valor engadido, a partir dos contidos do sector público.
As posibilidades de reutilización deste patrimonio dixital son importantes en ámbitos tan dispares como a educación, o entretemento, a investigación ou a innovación tecnolóxica, artística ou humanística, ao ser motor de aprendizaxe e coñecemento, de desenvolvemento tecnolóxico e económico, e de innovación e creación.
BNElab é só una das múltiples liñas de traballo que emprenderon BNE e Rede.es. Entre elas destacan mellorar e enriquecer os conxuntos de datos da BNE, á vez que promover a súa libre reutilización. Tamén se fomenta a creación de novos produtos e servizos dixitais, a partir das coleccións da BNE que mostren novos usos do patrimonio e o seu interese para sectores moi diferentes. Pero, sobre todo, esta liña de colaboración busca proporcionar as ferramentas dixitais para que sexan outros quen reutilicen e dean novos usos a este patrimonio.
Os proxectos xa postos en marcha dentro desta iniciativa, así como un avance dos que se presentarán proximamente, poden verse en www.bne.es/bnelab , espazo inicial que se irá construíndo e ampliando nos próximos meses.