accesskey_mod_content

A Amtega aproba o Plan de acción 2016 con 35 programas para consolidar a dixitalización dos servizos públicos

  • Escoitar
  • Imprimir PDF
  • Compartir

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

04 abril 2016

A Amtega aproba o Plan de acción 2016 con 35 programas para consolidar a dixitalización dos servizos públicos, de sectores estratéxicos da economía e despregar redes ultrarrápidas no rural

Liñas de actuación

  • Potenciarase a sede electrónica, que posibilitará a tramitación electrónica integral de 200 procedementos, grazas á entrada en funcionamento do Arquivo Dixital Integrado
  • Avanzarase cara o Expediente Xudicial Electrónico da Xustiza, implantando o uso do visor do EXE nas sedes xudiciais galegas e coa posta en marcha da sede electrónica xudicial
  • Porase en marcha o Plan de Inclusión Dixital para posibilitar que calquera persoa acceda maiores niveis de coñecemento e uso do TIC
  • Lanzarase a primeira actuación do Plan de Banda Larga 2020 para estender as redes de 100 Mpbs no rural

 

O Plan de Acción 2016 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), establece 35 programas e obxectivos operativos, dotados con 77 millóns de euros para consolidar unha administración intelixente e eficiente, avanzar cara unha cidadanía dixital, integrar o TIC nos sectores económicos clave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender as redes ultrarrápidas na Comunidade.

O Plan foi aprobado hoxe no Consello Reitor da Axencia, presidido polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Na xunta do máximo órgano da Amtega, a súa directora, Mar Pereira, destacou o grao de cumprimento do Plan 2015, que se situou no 86%. Fai falta lembrar que a actividade da Axencia está sometida á avaliación por obxectivos no marco do contrato de xestión.

Respecto das iniciativas previstas para 2016, Mar Pereira, destacou que este será o ano no que se avanzarán nos desafíos formulados na Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020.

Unha Administración e unha Xustiza dixitais

En 2016 avanzarase nas medias consideradas no Plan de Goberno e Administración Dixital 2020. Entre elas, potenciarase a sede electrónica, que posibilitará a tramitación electrónica integral de 200 procedementos; porase a disposición das entidades locais a plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, na que se prevé conseguir 1,5 millóns de consultas; estenderase a dixitalización dos documentos nos rexistros presenciais, que xa se está pilotando no "Rexistro Xeral" da Xunta e consolidarase o "Arquivo Dixital Integrado", unha peza fundamental para unha administración verdadeiramente dixital e sen papeis.

Estas medidas irán acompañadas doutras actuacións de carácter interno, imprescindibles para conseguir unha administración dixital pero tamén máis áxil e eficiente. Así, 12.000 postos de traballo empregarán software libre e porase en marcha unha nova rede de videoconferencia corporativa, con nais de 50 novos puntos de servizo para reducir de desprazamentos entre centros.

No campo da dixitalización da Xustiza, segundo recóllese no Plan Senda 2020, ao longo do ano estenderase o uso do visor do expediente xudicial aos órganos xudiciais; o 100% das salas de vistas disporán de servizo de videoconferencia; impulsaranse as comunicacións electrónicas entre os colectivos profesionais e os órganos xudiciais ata conseguir os 5 millóns a través de Lexnet. Ademais, porase en marcha a sede electrónica xudicial a través do portal da Xustiza, xunta.gal.

Iniciativas para os principais sectores produtivos e a mellora de servizos estratéxicos

No campo turístico, consolidarase a iniciativa SmartCamiño, que o pasado 18 de marzo, presentábase co arranque do portal do Camiño, caminodesantiago.gal, e o anuncio de que en abril e maio estará dispoñible a aplicación do Camiño para as plataformas Android e IOS. Dentro desta iniciativa, continuarase a estender a wifi nos albergues públicos da Ruta, que xa está activada no 84%.

No campo educativo, prevese ampliar o alcance da iniciativa eDixgal ata 7.500 alumnos de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO, que estudarán exclusivamente con contidos dixitais, gratuítos para as familias, e que poden empregarse mesmo en lugares con baixa conectividade.

Canto aos servizos de Benestar, este ano disporase da primeira versión da Historia Social Única, que permitirá acceder á información social dispoñible dos cidadáns de forma unificada, tanto á que afecta os servizos proporcionados pola administración autonómica, como aquela que proporciona os servizos doutras administracións.

No campo do Transporte, ao longo do ano consolidarase o Sistema de Axuda á Explotación da Mobilidade de Galicia para mellorar a xestión e control da frota adscrita ao servizo de transporte público regular de viaxeiros de Galicia. Ao longo de 2016 integraranse na plataforma unhas 100 empresas de transporte e máis de 1.000 autobuses, para atender a unha demanda de 25 millóns de viaxes.

Plan de Inclusión Dixital e impulso ao Sector TIC

No primeiro semestre do ano, a Amtega presentará o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que define un modelo global e universal de inclusión dixital, que permita a calquera persoa, independente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder os maiores niveis de coñecemento e uso do TIC.

En 2016 avanzarase a consolidación dun hipersector TIC con iniciativas como o Programa Transforma TIC para desenvolver actuacións, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC orientadas para o impulso do sector tecnolóxico.

Xa se abriu a terceira convocatoria da iniciativa de Telefónica Galicia Open Future e impulsaranse novas liñas de traballo co resto de axentes asinantes do Pacto Dixital de Galicia.

Infraestruturas de telecomunicación

Estea ano abrirase a primeira convocatoria pública do Plan de Banda Larga para incentivar os despregamentos de redes de 100Mbps para que no 2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500 habitantes (o 60% da poboación da Comunidade) e o 55% dos polígonos e parques empresariais, o que supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en Áreas Empresariais de Galicia.

Consolidarase o uso da Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia, que integra no mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias, mellorando a súa coordinación e garantindo as comunicacións en situacións extremas ou de saturación.

Ao longo dos anos incrementarase de forma significativa o número de usuarios conectados á rede, incorporándose un volume moi importante de concellos, o que facilitará a coordinación das emerxencias entre os dispositivos autonómicos (112, Axencia Galega de Emerxencias, Policía autonómica, 061, Defensa Contra incendios forestais,...) cos dispositivos locais (policía local, consorcios de bombeiros, protección civil, GES, ...).

Fonte orixinal da noticia(Abre en nova xanela)

  • Servizos electrónicos