Nesta edición do Informe o Sector Infomediario , ASEDIE identificou 764 empresas dedicadas ao sector infomediario, un 9,6% máis que na edición anterior. A distribución destas empresas por subsector de actividade segue sendo similar, principalmente dedicadas á información xeográfica (22%), aos estudos de mercado (21%) e ao sector económico-financeiro (20%).
O informe destaca o dinamismo deste sector. Cifra o crecemento do sector infomediario nun 7%, por encima do 3,5% de crecemento do PIB nacional. Tamén destaca o aumento no número de empregados do sector nun 3,1%. Outros datos de relevancia que recolle este informe son os seguintes: O volume de vendas cífrase en 2.045.732.378 €; o capital subscrito destas empresas é de 346.867.065 € e o seu beneficio neto 92.082.918 €.
Ademais, o informe recolle dúas enquisas, unha realizada a empresas infomediarias e outra a representantes do sector público para ter unha visión global do ecosistema da información. Da primeira destaca que destas compañías que tratan datos, o 73% utilizan tanto fontes de datos públicas como privadas para elaborar os seus produtos ou servizos; un 23% utiliza exclusivamente datos públicos e un 4% só datos privados. Respecto dos retos aos que se enfrontan céntranse na análise de datos, seguido polo Big Data e a apertura de novas fontes de datos. Por outra banda, canto ás barreiras para a reutilización, as máis mencionadas son a diferente dispoñibilidade de información pública entre Comunidades Autónomas ou Concellos e a desactualización da información.
Na enquisa a representantes do Sector Público de Comunidades Autónomas ponse de manifesto que a maioría das CCAA teñen en conta a demanda para priorizar a apertura de datos. Por outra banda, como iniciativas para fomentar a apertura de datos, destacan a difusión de casos de éxito e a formación, e en canto á principal barreira para a maioría das CCAA é fundamentalmente técnica.
Para finalizar o informe tamén recolle unha serie de casos de éxito de empresas infomediarias e exemplos de boas prácticas do sector público.