O próximo 1 de xullo de 2016 será aplicable na súa práctica totalidade o Regulamento (UE) 910/2014 do Parlamento europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza nas transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se derroga a Directiva 1999/93/CE.
Este Regulamento non prevé a emisión de certificados de firma electrónica a favor de persoas xurídicas ou entidades sen personalidade xurídica. Ás persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica reserva unicamente os selos electrónicos, que permiten acreditar a autenticidade da orixe e a integridade do documento selado.
Ao ser directamente aplicable, sen necesidade de transposición interna, o Regulamento comunitario desprazará desde o 1 de xullo, os preceptos da Lei 59/2003, do 19 de decembro, que se opoñan ao seu contido, entre eles, os relativos aos certificados electrónicos de persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica.
Por iso, deberán deixar de emitirse certificados de firma electrónica de persoas xurídicas e entidades sen personalidade xurídica antes do 1 de xullo de 2016. No seu lugar, poden expedirse certificados de selo electrónico ou certificados de sinatura de persoa física representante de persoa xurídica ou entidade sen personalidade xurídica.
Os certificados de persoa xurídica e de entidade sen personalidade xurídica emitidos antes do 1 de xullo de 2016 poderán seguir utilizándose ata a súa caducidade ou revogación, pero non poderán renovarse despois desa data.
Os certificados emitidos como recoñecidos relacionaranse na base de datos nacional e na lista de confianza de prestadores de servizos de certificación como certificados non recoñecidos, na forma prevista pola Decisión de execución (UE) 2015/1505 da Comisión, do 8 de setembro de 2015, pola que se establecen as especificacións técnicas e os formatos relacionados coas listas de confianza de conformidade co artigo 22, apartado 5, do Regulamento (UE) non 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior.