O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información é un órgano adscrito á entidade pública empresarial Rede.es, cuxo principal obxectivo é o seguimento e a análise do sector das Telecomunicacións e da Sociedade da información e, como cada ano, presenta unha nova edición do Informe o Sector dos Contidos Dixitais en España .
Neste útimo informe (que recolle os datos pertencentes ao ano 2015) destácanse datos como a facturación do sector, que alcanzou os 8.940 millóns de euros, o que supón un incremento do 16,9 % respecto ao ano anterior. Así mesmo, consolídase deste xeito o cambio de tendencia inicado en 2014 cun crecemento, por segundo ano consecutivo, da cifra de negocio deste sector económico que representa o 57,8 % da facturación global do sector dos contidos, que en 2015 situouse en 15.467 millóns de euros
En canto ao número de empresas do sector de contidos, en 2015 alcanzou a cifra de 9.579 e, as que prestan os seus servizos no sector dos contidos dixitais, deron emprego a 46.345 persoas, o que supón un incremento do 7,1 % respecto ao ano anterior (43.255 profesionais).
Por outra banda, o investimento realizado no sector dos contidos dixitais incrementouse un 1,5 % e foi de 790 millóns de euros, o 31,7 % da que levou a cabo na industria dos contidos (2.486 millóns de euros).
O informe tamén subliña a importancia de Internet para a economía española, que se traduce en 50.602 millóns de euros, que representan o 5,2 % do Produto Interior Bruto. Desta cifra 42.348 millóns de euros corresponden ao comercio electrónico e 2.576 proceden das actividades que se sustentan en Internet (redes sociais, buscadores e outros servizos), que poden considerarse da industria de contidos dixitais.
O informe tamén recolle as principais tendencias do sector dos contidos dixitais. Cabe destacar que o desenvolvemento das redes de alta velocidade está a favorecer a distribución de contidos dixitais e a cobertura de redes de alta velocidade, tanto fixas como móbiles crece de forma notable en España. A Internet das cousas e o Big Data son dúas paradigmas tecnolóxicos que comezan a ter impacto real no sector dos contidos dixitais, ademais a virtualización do equipamento e as infraestruturas ofrece unha gran flexibilidade á hora de desenvolver novos negocios dixitais.
Por outra banda, o vídeo -tanto IP como xestionado- é o contido dixital que máis tráfico xera e é, ademais, o segundo tipo de tráfico que máis crecerá entre 2015 e 2020, só superado polo xogo en liña. No sector dos videoxogos, destaca a importancia dos xogos para dispositivos móbiles e de realidade virtual, que despegou como fonte de ingresos para o sector. Os e-sports destacan como novo modelo de negocio, no que se explota o carácter social dos videoxogos.
No que a música se refire, a distribución en liña de música continúa gañando terreo á distribución en soporte físico e as subscricións de pago a servizos de reprodución de música son as que mellores perspectivas de evolución presentan.
No sector das publicacións os libros en formato electrónico representan preto do 22 % do total de libros vendidos no mundo.
Canto ás aplicacións móbiles, xeraron unha facturación a nivel mundial de 31.600 millóns de euros.
E respecto da publicidade, a publicidade en dispositivos móbiles, o RTB (Real Time Bidding) e o vídeo en liña son o tres fontes de ingresos da publicidade dixital que máis van crecer nos próximos anos.