Finalidade:
O Plan de encamiñamento e interconexión de redes na Administración define un espazo de encamiñamento privado común para os Centros da Administración. Este Plan permite que cada entidade ou organismo poida establecer de maneira independente os seus plans de numeración IP, en función da súa infraestrutura de rede, ou distribución orgánica ou departamental, pero mantendo unha coordinación co resto de Administracións Públicas que evite o uso de direccións duplicadas.
Obxectivo:
Garantir unha correcta administración da rede, mediante un seguimento permanente do plan de numeración en cada subrede e manter ao día a documentación dos cambios que se producen no mesmo. Desta forma garántese a evolución e crecemento das redes para facer fronte a novas necesidades.
Descrición:
A Lei 11/2007 , do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, en diante LAECSP, no seu artigo 43, establece que a Administración Xeral do Estado, as Administracións Autonómicas e as entidades que integran a Administración Local, así como os consorcios ou outras entidades de cooperación constituídos a tales efectos por estas, adoptarán as medidas necesarias e incorporarán nos seus respectivos ámbitos as tecnoloxías precisas para posibilitar a interconexión das súas redes co fin de crear unha rede de comunicacións que interconecte os sistemas de información das Administracións Públicas españolas e permita o intercambio de información e servizos entre as mesmas, así como a interconexión coas redes das Institucións da Unión Europea e doutros Estados Membros.
O Plan de encamiñamento e interconexión de redes na Administración é necesario para:
- A interconexión das redes das Administracións Públicas e en particular a e a través da Rede SARA (Sistema de Aplicacións e Redes para as Administracións).
- O despregamento de servizos de administración electrónica sobre a Rede SARA.
- A interconexión con redes de Administracións doutros Estados membros da UE, o despregamento e acceso aos servizos públicos europeos de administración electrónica, a través da Rede SARA e da súa ligazón coa rede transeuropea sTESTA, que ten á súa vez o seu propio plan de encamiñamento.
Neste sentido, o Consello Superior de Administración Electrónica vén promovendo desde hai anos o Plan de encamiñamento e interconexión de redes na Administración que define un espazo de encamiñamento privado común para os Centros da Administración. Este Plan permite que cada entidade ou organismo poida establecer de maneira independente os seus plans de numeración IP, en función da súa infraestrutura de rede, ou distribución orgánica ou departamental, pero mantendo unha coordinación que evite o uso de direccións duplicadas.