A Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais persegue adaptar o ordenamento xurídico español ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e o Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos , e completar as súas disposicións; e garantir os dereitos dixitais da cidadanía conforme ao mandato establecido no artigo 18.4 da Constitución.
Esta lei orgánica consta de noventa e sete artigos estruturados en dez títulos, vinte e dúas disposicións adicionais, seis disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dezaseis disposicións finais, e, por tanto, trátase dun texto extenso.
Desde o punto da administración dixital, cabe destacar o Título X que recolle os dereitos dixitais e liberdades da contorna de Internet tales como a neutralidade da Rede e o acceso universal ou os dereitos á seguridade e educación dixital ,así como os dereitos ao esquecemento, á portabilidade e ao testamento dixital, xunto co dereito á desconexión dixital no marco do dereito á intimidade no uso de dispositivos dixitais no ámbito laboral e a protección dos menores en Internet; máis a garantía da liberdade de expresión e o dereito á aclaración de informacións en medios de comunicación dixitais.
Destacamos a seguir, en particular, dúas cuestións. En primeiro lugar, a disposición adicional primeira que referida a as medidas de seguridade no ámbito do sector público contempla que o Esquema Nacional de Seguridade incluirá as medidas que deban implantarse en caso de tratamento de datos persoais; que os responsables enumerados no artigo 77.1 apliquen aos tratamentos de datos persoais as medidas de seguridade que correspondan das previstas no citado Esquema Nacional de Seguridade ; e que cando un terceiro preste un servizo en réxime de concesión, encomenda de xestión ou contrato, as medidas de seguridade corresponderanse coas da Administración pública de orixe e axustaranse ao Esquema Nacional de Seguridade.
En segundo lugar, a disposición final duodécima modifica os apartados 2 e 3 do artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas , co interesante matiz de que o apartado 2 iníciase cunha formulación en termos de “Os interesados teñen dereito a non achegar documentos que xa se atopen en poder da Administración actuante…”.