accesskey_mod_content

A Amtega e a Consellería de Política Social publican no repositorio de software libre da Xunta o código fonte da ferramenta “Inclúe”

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

09 xuño 2016

Esta aplicación de software libre facilita a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos mediante indicadores

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Política Social, publicou no repositorio de software libre da Xunta de Galicia o código fonte da ferramenta tecnolóxica INclúe ( http://forxa.mancomun.org/projects/inclue(Abre en nova xanela) ) baixo licenza libre.

Esta ferramenta é un dos resultados do proxecto que leva por nome “Proxecto INclúe: Innovación para a Inclusión Social” e no que participan como socias a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia e Inclusión; a entidade de acción social Emáus Fundación Social; e a consultora tecnolóxica EOSA. O proxecto contou co apoio financeiro do Programa de Cidadanía Activa pertencente ao Mecanismo Financeiro do Espazo Económico Europeo (EEA) 2009-2014.

Un dos retos deste proxecto consistía en desenvolver unha ferramenta tecnolóxica que facilitase a valoración técnica das situacións de exclusión social con criterios homoxéneos, que puidesen ser aplicados polas entidades públicas e privadas que operan no ámbito da inclusión social en Galicia.

Agora a Amtega e a Consellería de Política Social publican INclúe con licenza libre para que poida ser reutilizada noutras comunidades e mesmo que se cre unha comunidade de usuarios ao seu ao redor que permita mellorar a ferramenta.

A ferramenta INclúe

Un dos principais obxectivos do proxecto INclúe consistía en deseñar un modelo de atención social innovador, centrado na persoa, definido en clave de calidade de vida, igualdade de oportunidades para mulleres e homes, dereitos, autonomía e cidadanía das persoas en situación de exclusión social.

Neste escenario, considerouse esencial deseñar, ademais, unha ferramenta tecnolóxica que permita realizar unha valoración técnica o máis obxectiva posible, que reduza arbitrariedades e que contribúa a dispor de criterios homoxéneos sobre o fenómeno da exclusión social.

Con base nestes criterios creouse a ferramenta INclúe, que permite o cálculo de ata 100 indicadores, configurados en catro grandes dimensións, que tratan de objetivar a valoración da situación dunha persoa nun momento concreto e facilitar a avaliación das intervencións. Para todos estes casos, ademais, a ferramenta actúa como unha gran base de datos na que se almacenan os resultados para posteriores consultas ou análises.

Repositorio de software libre da Xunta

A publicación de INclúe como software libre enmárcase no Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia. A Amtega ofreceu a súa colaboración ás entidades desenvolvedoras desta solución, a través do servizo de certificación de liberación de software, co fin de pór a disposición da cidadanía e doutras administracións públicas a aplicación INclúe.

A través deste servizo, a Oficina de Software Libre da Amtega elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. A ferramenta INclúe foi liberada cunha licenza libre GPL2 (Xeral Public License version 2). O código fonte pode descargarse desde a páxina do proxecto no repositorio de software libre da Xunta de Galicia.

Fonte orixinal da noticia(Abre en nova xanela)

  • Software Libre