accesskey_mod_content

A Xunta de Galicia comparte no CTT tres novas solucións de Software Libre

  • Escoitar
  • Imprimir PDF
  • Compartir

"Noticia dispoñible unicamente con fins históricos e de hemeroteca. A información e ligazóns mostradas correspóndense cos que estaban operativos á data da súa publicación. Non se garante que continúen activos actualmente".

08 xuño 2015

XEA, DESOURB e Concurrent Cache Manager son o tres novas achegas de Galicia ao catálogo do CTT para facilitar a reutilización por parte doutras administracións así como a colaboración para a súa mellora

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)(Abre en nova xanela) , en colaboración con diferentes consellerías publicou ao longo do pasado ano tres novas solucións no seu Repositorio de Software Libre, que vén incrementando a súa oferta desde o ano 2011 grazas ao Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia.

Co obxectivo de ampliar a difusión destas solucións e de dar cumprimento aos requisitos do Esquema Nacional de Interoperabilidade  en canto a reutilización de aplicacións, a Amtega procedeu a rexistralas no catálogo de solucións do Centro de Transferencia de Tecnoloxía (CTT), proporcionando toda a información necesaria para facilitar o seu coñecemento e reutilización.

XEA-CeMIT, aplicación de xestión da rede CeMIT

A rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que integra un total de 98 aulas, repartidas por toda a xeografía galega, e que ten por obxectivo a redución da fenda dixital, a través da formación pública e gratuíta.

XEA ( http://administracionelectronica.gob.es/ctt/xea ) é unha aplicación web para a xestión de todos os recursos das aulas CeMIT, que permite aos usuarios a consulta sobre todas as actividades de formación que se ofertan, a inscrición nas mesmas, o apoio para a súa realización e a obtención de certificados de aproveitamento dos mesmos. Doutra banda, facilita aos responsables dos centros a organización tanto das actividades na Rede como do seu labor diario.

XEA é unha adaptación, desenvolvida por Fundetec para a Amtega, da aplicación ISIS, creada previamente por Fundetec para a xestión do programa CyLDigital da Xunta de Castela e León.

DESOURB, Desenvolvemento Sustentable Urbano

O proxecto DESOURB ( http://administracionelectronica.gob.es/ctt/desourb ) é un proxecto desenvolvido con fondos europeos obtidos a través do “Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal” (POCTEP) cuxo obxectivo era a definición dun modelo innovador de planificación e xestión territorial baseada en indicadores. Para isto desenvolver unha plataforma informática en web, que permite a captura e introdución de información, tanto en soporte alfanumérico como xeográfico, necesaria para a realización dos diagnósticos, establecer obxectivos ou monitorar os resultados das accións realizadas con base en índices e indicadores.

A aplicación permite o cálculo automático destes indicadores, desde os que comprenden cálculos máis sinxelos, como os máis complexos que requiren operacións con datos xeográficos. Ademais permite a incorporación, definición e creación de novos indicadores por parte dos usuarios da plataforma.

Concurrent Cache Manager

Concurrent Cache Manager (CCM) non é unha aplicación de usuario final, é unha biblioteca Java que permite mellorar notablemente o rendemento das transaccións entre as aplicacións empregadas nas Oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia e a plataforma informática do Servizo Público de Emprego estatal, o que se traduce nunha maior axilidade no desenvolvemento do traballo por parte dos empregados das este oficinas.

Dada a súa natureza, CCM é un compoñente software que pode ser reutilizado por calquera servizo de emprego autonómico, xa que todos eles precisan conectarse aos sistemas do Servizo Público de Emprego estatal.

CCM consiste nunha biblioteca desenvolvida en Java e composta por varios módulos, todos eles publicados con licenza libre e dispoñible para a súa descarga ( http://administracionelectronica.gob.es/ctt/ccm ).

  • Software Libre